Xa está a piques de rematar o curso, o que implica que tamén estamos concluíndo a investigación sobre o PDI deste ano, A música na nosa contorna.
Como ben sabedes, comezamos este proxecto coa visita de Mondra, para o que nos temos que remontar ao mes de outubro; recibimos varios obradoiros de música e baile tradicional da man de músicos como Josele, Manuel Pardo Lareo... Ademais, dentro do noso programa RadiOca, cada podcast tivo un espazo de recomendación musical, no que se suxeriron grupos musicais que están a publicar en galego e reinventando a música tradicional. Por suposto, realizamos a nosa propia foliada, coincidindo coa celebración do entroido.
Ademais, levamos a cabo varias investigacións:
- O alumnado de 1º e 2º de Ed. Primaria, encargáronse do estudo e clasificación dos diferentes instrumentos da música tradicional.
- Os alumnos/as de 5º e 6º de Ed. Primaria, centráronse no estudo das pandeireteiras da provincia de Pontevedra (Felisa Insuela, Maruxa das Cortellas, Rosa de Moscoso, etc.). O alumnado partiu do visionado de diferentes reportaxes gráficas e continuou coa investigación sobre as mesmas, plasmando o resultado da súa investigación neste mural. Ademais, aprenderon a canción do Caneco para posteriormente crear o seu propio, con coplas que falaran da súa contorna.
No hay comentarios:
Publicar un comentario